Página principal

Inicio

martes, 16 de mayo de 2023

SORAYA CASTRO: A ESCRITURA SANA AS FERIDAS DA VIDA


Soraya Castro


Recibimos esta semana no blogue a escritora galega Soraya Castro, que ven de publicar o seu primeiro poemario Cinzas, un libro abordado a modo de catarsis, marcado polas vivencias da autora. Conversamos con Soraya, que nos impacta pola sua xuventude e intensidade vivencial, e a quen agradecemos a disponibilidade e franqueza a hora de visibilizar o tema da saúde mental. Toma a palabra a autora, recordando para este espazo como foron os seus comezos no eido das letras e da escrita.


 Inicios e influencias

Sempre tiven unha vocación polas letras e a literatura. Comecei a escribir pouco despois de aprender a facelo, centrándome nos relatos durante toda a infancia e achegándome á poesía conforme entraba na adolescencia. 

Recibín a influencia de poetas como Lois Pereiro, Manuel Antonio, Rosalía de Castro, Lupe Gómez e mesmo Charles Bukowski. Tamén a literatura me axudou a sacar novos poemas, coma unha das miñas novelas favoritas Frankenstein. 

A música é tamén unha importante fonte da que beben os meus versos, sendo o black metal depresivo ou atmosférico o que máis ideas e sentimentos me transmite. 

Proceso creativo 


A miña poesía é moi intimista, polo tanto, normalmente, intento desfacerme dos sentimentos, transmitir a miña forma de ver a realidade. Acostumo a poñer música e deixar que os versos vaian saindo. 

Cando a inspiración me atopa en mal momento tomo notas de palabras clave que me fagan retroceder e visualizar o poema de novo. 

Que aporta a escritura a miña vida


Paz, calma. Para min a escritura sana as feridas da vida e axuda a mudar a dor pola tranquilidade. Cando os sentimentos necesitan exteriorizarse así, dunha maneira tan fermosa, un queda baleiro de todo mal.

Eu para vivir necesito a poesía, para curarme dos meus males e seguir adiante. 


Algúns poemas

Detívose a miña respiración
e o meu corazón sobrecargou todo o que podrecía dentro de min latexa lentamente
querendo pararse
querendo morrer
latexa sen ritmo
querendo apagarse
querendo morrer
non noto o tempo pasar inhibidores selectivos
da recuperación de serotonina
só ulo o medo
e vexo o desastre
escoito os berros e toco a ferida

Non sei durmir sen trazodona
xa non é unha fantasía particular
o sangue gotea nos pulsos
o tempo pasa tan lentamente
chorar pechada nun baño público non sabemos por que estamos vivos cheirume a tabaco
e a hospital
o tempo segue sen pasar
e eu morro en cada comisura
dos teus beizos
a lúa apaga os soños
e a realidade
fúndese coa inconsciencia
Só nas noites máis escuras
berro desculpas en murmurios
sen saber a quen me enfronto
co peito preso de angustia
e veleno en cada arteria
non podo frear a taquicardia
penso en vós
estades onde o destino vos levou quero curarnos do mal
sodes a brisa que me impulsa ao ceo estamos soas
lidiando coa cruz que nos marcou chorei por min e tamén por ti
que tan mal te tratou a fatalidade
e que mal coidou de ti a sorte
Non me cures rezando
cúrame con sal gordo e limón
nas feridas palpitantes e vivas
proído sobre a pel doente
espreme sobre a úlcera malferida
todo o mal que fixen
doída polo tempo e o silencio
non me cures pedindo a ninguén
que como loba compasiva
me agochei a lamber as marcas de guerra aquí onde non me atopen
cos sinais da derrota no rostro
impasible e raíña
do meu escondedoiro



Biografía 


Soraya Castro (Moeche, Coruña, 1999). Logo de vivir baixo enfermermidades mentais coma a depresión e o trastorno de personalidade límite varios anos a autora ten un xiro de vida en 2019 cando nun intento de suicidio se precipita ao baleiro por unha fiestra dun terceiro piso. 

Lonxe de conseguir o seu obxetivo, sufre unha lesión grave na médula tras romper o pescozo, o que a deixará máis dun mes na UCI e logo dunha longa estadía no hospital finalmente tetrapléxica de alta lesión. Unha nova vida cunhas dificuldades descoñecidas ás que enfrontarse.

Cinzas, primeiro poemario sacado á luz, está dividido nos poemas anteriores e os posteriores á discapacidade que será tamén a protagonista de moitos poemas que reclaman un coprotagonismo coa saúde mental. Unha lírica intimista e descarnada, dende unha ollada existencialista do ser humano e do mundo que o rodea. Negando toda creencia, moralidade ou valor como sociedade. Sentimentos crudos de dor, abandono e desesperanza sempre cun punto de vista melancólico e misántropo, que confronta un futuro mísero e desolador.




Máis sobre a autora:





No hay comentarios:

Publicar un comentario