![]() |
Yolanda López |
Hola, Yolanda. Ante todo, quero felicitarte por ista nova criatura literaria e agradecerche esta entrevista.
Eres unha poeta cunha coñecida traxectoria poética. A túa poesía é calificada como poesía de concencia social y de xénero. Dirías que Pecado Mortal, O dardo contra a pedra, ademáis de seguir nesta liña poética intenta, de algún xeito, na forma ou no contido, ir un paso máis aló na súa esencia reivindicativa?
Sí, dende logo. Dende que publiquei Tántalo, hai xa máis de dez anos, a miña poesía non amosaba tanta reivindicación e compromiso e xa ía sendo hora, tendo en conta os tempos difíciles que estamos a vivir. Mais debo engadir que nesta última década participei en antoloxías e libros colectivos onde fun premiada con textos de contido social e de xénero, por iso todos eles abocaron neste novo poemario.
É Pecado mortal un dardo intencionado, unha chamada de conciencia en forma de berro poético contra o sistema capitalista que nos impera?
Podemos chamalo dardo, metafóricamente falando, cunha clara intención de crítica ao sistema capitalista que deshumaniza á especie humana e por suposto (eco)destrúe ao planeta. E sen natureza, existimos? Cara onde imos?
A miúdo dise que a túa poesía é unha poesía culturalista, poesía que esixe unha base cultural ampla, na que non faltan símbolos colectivos, mitos, música, política… Cómo cres que inflúe esta forma de escribir nos lectores?, ou o que é o mesmo: Escribes para unha minoría ou veis na túa poética un xeito de que a poesía chegue ao maior número de sectores culturáis?
Se se considera culturalista é porque valoro aprender, e se inclúo eses contidos literarios e artísticos é porque a través deles me inspiro para crear a miña propia obra. Por suposto que non escribo para minorías. Se a través da miña poesía o lector amplía o seu nivel cultural…Hai algo máis fermoso? Coñecer para crear, crear para ensinar.
Fálanos un pouco da concepción e posterior realización dista obra, dos poemas que a compoñen, as partes nas que se divide o libro, como xurdiron e do fío conductor que as reúne.
O poemario divídese en tres partes onde conflúen pasado, presente e un futuro inquedante. É por iso que fago un evidente xogo cos tempos verbais nos seus subtítulos: As intrépidas (pluscuamperfectas), O corpo do delito (a memoria construida) e Fisuras na luz (presente continuo). Todos converxen nun futurro trepidante onde a luz é fisura. Na primeira predomina o feminismo, na segunda a poesía social e na terceira o intimismo.
Concibes os poemas dende o principio para a obra que tes no maxín ou ben escribes durante unha época indeterminada seleccionando posteriormente os poemas que cres encaixan nun mesmo estilo ou temática poética?
Eu son imprevisible na escrita. Normalmente os poemas saen sen plan previo. Eu, unha vez teño unha morea de textos, vounos organizando por temática, forma ou fondo. Porén, se hai algo que desfruto moito é a fase da estruturación onde reordeas os poemas para que teñan sentido. Ás veces, toca eliminar algúns, e outras, crear outros para que o poemario non perda significado. Trátase de encaixar as diversas pezas literarias do cebracabezas poético.
Cal é a sensación que che queda na túa alma de poeta, despois de concluir iste libro? Cres que diches coa voz que precisabas?
Sempre dou coa voz que preciso porque escribo dende a alma, e supoño que así o fan a maioría dos poetas. Eu levaba tempo compoñendo textos de contido social e feminista porque non aturaba o que estaba a acontecer no mundo e que influía no meu día a día.
Cómo está sendo a recepción de Pecado Mortal tanto referente á crítica, coma aos lectores? Fálanos das impresións que che están chegando sobre o libro.
Non teño queixa. Os amigos que mercaron o libro estano a disfrutar moito, e consideran que son poemas para ler lentamente, para saborear con intensidade pois caracterízanse pola súa densidade, onirismo, visualidade e expresionismo.
Xa saíron críticas en varios xornais galegos como no El ideal gallego por Vicente Aranguas e mencións como en La voz de Galicia por Ramón Nicolás. Son dúas persoas ás que admiro profundamente. De momento houbo dúas presentacións con moi boa acollida onde se venderon bastantes libros. Claro, trátase dunha obra que fai pensar, social, que non pecha a boca ante as barbaries. As copresentadoras do libro, Pura Tejelo, Luz Campello, Marina Sánchez e Teresa Devesa gostaron moitísimo del. Estou moi agradecida. O resto dos lectores congratúlanme polo seu contido e pola súa forma. Non hai queixa. Escribo por enriba de todo para min, pero chegar ao lector tamén é marabilloso e motivador.
Sabemos que ademáis de poeta eres unha excelente artista plástica, fálanosdo proceso das ilustraciones que aparecen no libro.
Hai uns meses ilustrei a Rosalía de Castro con moita ilusión, sen pensar en absoluto que o seu resultado sería a portada do libro, mais despois vin a darme conta de que nun dos poemas, ela era a gran protagonista, a pecadenta inmortal por excelencia. Digo, recito no poema A ANFITRIOA, Rosalía agarda por nós,/ entre ruínas e cartas solapadas pola súa dor. Porque se Eva cometeu o primeiro pecado mortal, morder da mazá, foi pola súa valentía, pola súa insubordinación. E así Rosalía de Castro lanzou a pedra contra o muro da docilidade, contra o muro da norma imposta, do que o home consideraba apropiado nun patriarcado que aínda pervive. As outras ilustracións foron previas á escrita pero considerei que plasmaban perfectamente o meu interior e por suposto cada unha das partes do poemario.
No cabe dúbida da influencia Rosaliana na túa obra, tanto no tema social como no tocante á poesía de xénero. Fálanos un pouco de ambos conceptos (social e xénero).
Precisamente a nosa poeta galega por excelencia preside a primeira parte do libro, titulado AS INTRÉPIDAS (PLUSCUAMPERFECTAS). Nela, homenaxeo a diferentes mulleres ás que non lles falla a puntería co seu dardo, intrépido, preciso, sexa na arte, sexa na vida. En FRIDAMORFOSE, A MULLER QUETZAL, CHAVELA CHAMÁN, hai un chío ás mulleres latinoamericanas.
En XANELAS ROTAS a énfase é na artista do leste MARINA ABRAMOVIC, en concreto, no tema tan en boga como é o da enfermidade mental reflectido na arte da performance. O peor crime é a compaixón descontrolada, O mellor delito çe o espido a contraluz.
En A MULLER PAXARO, o eu poético é o dunha muller de Afganistán que leva burka. Porque eu quixen danzar na palabra liberada / no abecedario do desexilio / da utopía adormecida no pánico ditador.
Ata hai un poema onde unha nena fala, como homenaxe á obra de ANA MARIA MATUTE, pois marcou as miñas primeiras leituras de infancia.
Pero sen dúbida os dous ultimos poemas da primeira parte son moi importantes para min, A ANFITRIOA polo que expliquei e por ser unha homenaxe ás mulleres escritoras universais, inclúidas ás esquecidas por lectores e crítica. Cito: A caveira da dúbida será miña / e non precisarei de Hamlet para ser quen son.
último desta parte é PLAN DE ACCION CURRICULAR. Está a adicado a unha figura concreta coruñesa, cidade onde vivo, MARIA BARBEITO CERVIÑO, relevante intelectual como pedagoga e como mestra. Porque sen a educación básica, que seríamos? Mais saíche adiante contra barrote/ e así vestiches vida na morte/ dende o teu recuncho tenaz.
Nós, como escritoras, como poetas, podemos ser as portadoras dos soños destas femias. A poesía tamén é útil. Hai que saír do ego propio. Os poemas desta primeira parte son microhomenaxes ben merecidas poque son mulleres heroínas que marcaron a miña vida non só como escritora. A través delas adico tamén o libro ás esquecidas da historia.
Na segunda parte do libro O CORPO DO DELITO (A MEMORIA CONSTRUIDA), o dardo é agudo. Son poemas densos e longos cunha forte crítica social, mais enfocada en eventos históricos do pasado e que aínda teñen relevancia no presente. Dende a guerra civil española, até a extinción dos indíxenas en América, ou o exterminio dos saharahuis, a guerra sucia do petróleo ou a guerra de Gaza, o exterminio dos palestinos; chegando á cúspide co cántico POLIFANIA LITERARIA EN SI MAIOR, toda unha homenaxe a GALIZA dende un punto de vista histórico, político, literario e artístico. As labaradas da súa cruenta cegueira non lles deixan ver. / e así se vai erguendo, amortallado na xustiza/ coa protesta nos beizos e a gorxa nos fusís. Hai unha evidente diversidade formal no libro. Este poema, en concreto, é unha especie de microobra de teatro poetizada, ou máis ben, ou polifonía cun ritmo que vai in crescendo até desembocar nunha apoteose final, como querendo crear unha irmandade universal.
Asistes a recitais poéticos e encontros e charlas con poetas. Cómo ves o panorama actual da poesía en xeral e, en concreto, da poesía galega e que cres ti que nos falta ou nos ensalza e diferencia niste sentido respecto ao resto.
Cada vez hai máis encontros poéticos, recitais, slams, non o dubido; mais, segue a existir medo á poesía, a xente non é quen de mercala, por medo, por prexuízo, non o sei, aínda que si afirmo que cada vez somos máis os lectores. Hai tertulias descoñecidas que recitan, conversan e interpretan versos propios ou ben de autores recoñecidos. A poesía galega está a ser moi valorada fora das nosas fronteiras. Temos que sentir orgullo. Hai volcán no corazón bravo do norte.
Mais hai unha cousa que non comparto. Si. Os escritores en lingua galega piden máis autores nesta lingua. E eu defendo a miña lingua nai. Por suposto. Escribo e falo nela. Mais despois hai unha clara actitude endogámica neles. Non é doado publicar nas súas editoriais sen pagar, non é doado participar nos seus eventos, e non digamos recibir unha remuneración como o consiguen só dous ou tres; e non falemos xa dos premios relevantes que a miúdo gañan os mesmos. E pretenden así que a literatura galega medre e se espanda?? Deste xeito a literatura galega permanecerá reducida a un círculo minúsculo que non cruzará fronteiras. Non. Así non. Está claro que así non imos a ningún lugar máis aló do habitáculo. Sinto dicilo. Eu véxome forzada a publicar en castelán. En Madrid valóranme considerablemente máis, xa estou acostumada. E é o peixe que morde a cola. Se escribes en castelán sendo galega, xa estás excluída do sistema literario local. Mais eu son fiel a min mesma e iso é o que conta por enriba de todo. Porén, ao longo da historia moitos escritores galegos escribindo en castelán, ensalzaron máis a nosa terra e a nosa cultura que outros galeguistas, véxase Emilia Pardo Bazán ou Valle Inclán, por citar algúns, aínda que poida soar paradóxico.
Algo que quixeras decirnos sobre Pecado Mortal, que non dixera a crítica ou no que non profundizara da abondo.
Propoño que tamén se valoren en Galiza os libros bilingües, ao fin e ao cabo, os escritores que só publican en galego, posteriormente van a editoriais castelás a publicar a súa obra nese idioma..Tanta diferencia hai?? Fora de catro editoriais galegas, se publicas noutra comunidade autónoma e en version galego-castelá, non hai nin un medio nin apenas críticos que difundan o libro. Temos entón en conta a calidade auténtica do mesmo? Non. É evidente que a política e as relacións públicas imperan. Non podemos falar entón de literatura real.
Desexaba enormente publicar de novo poesía social e de xénero, reivindicativa, de loita, de protesta, nestes tempos convulsos onde o mundo asemella que está a piques de rebentar. Moitos poetas non defenden este tipo de poesía e eu penso que é necesaria, e aínda máis se se escribe dende o corazón, dun xeito impulsivo, dende o subconsciente, a golpe de inspiración e lume.
Xa para rematar, quixera pedirche, como primicia, que nos compartas algún dos poemas que integran Pecado Mortal, O dardo contra a pedra.
Penso que o poema POLIFONIA LITERARIA EN SI MAYOR representa a Galiza por excelencia. Na presentación do libro no Liceo de Ourense recitámolo a tres voces e unha guitarra. O video está pendurado no canal de cultura MARINA SÁNCHEZ e está a ter moito éxito.
Biografía:
Yoli López, nada en Ourense. É funcionaria de carreira, xestora na Administración de Xustiza. Licenciada e DEA en Filoloxía inglesa, técnica superior en turismo, tradutora e ilustradora pola Escola de Artes e Oficios de Ourense e a Escola Crearte de A Coruña, adicouse ao ensino medio e universitario. Realizou a tesiña sobre a escritora sureña Eudora Welty. Foi investigadora nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Castilla-La Mancha, Swansea e Birmingham (UK), Virginia e Mississippi (USA), así como no Centro Ramón Piñeiro, onde colaborou con diferentes ponencias e artigos de ensaio. É autora de dez poemarios individuais e dúas plaquettes. Galardoada con numerosos premios literarios nacionais e internacionais, textos da súa autoría aparecen en moitos libros colectivos. Publicou poemas, relatos e artigos de opinión en xornais e revistas literarias diversas. Colaborou no equipo de traballo do manual Niveis de Competencia en Lingua Galega da Xunta de Galicia. Formou parte do programa de recitais Poesía Nova da Comunidade de Madrid. Participou en recitais benéficos e en homenaxes a intelectuais. Impartiu obradoiros literarios e foi membro xurado de certames para mozos. Participou en espectáculos de videopoesía, pintura, fotografía, música e danza. Formou parte dos grupos literarios Bilbao e Poekas de Vallecas de Madrid.
No hay comentarios:
Publicar un comentario