Soraya Castro |
Recibimos esta semana no blogue a escritora galega Soraya Castro, que ven de publicar o seu primeiro poemario Cinzas, un libro abordado a modo de catarsis, marcado polas vivencias da autora. Conversamos con Soraya, que nos impacta pola sua xuventude e intensidade vivencial, e a quen agradecemos a disponibilidade e franqueza a hora de visibilizar o tema da saúde mental. Toma a palabra a autora, recordando para este espazo como foron os seus comezos no eido das letras e da escrita.
Inicios e influencias
Sempre tiven unha vocación polas letras e a literatura. Comecei a escribir pouco despois de aprender a facelo, centrándome nos relatos durante toda a infancia e achegándome á poesía conforme entraba na adolescencia.
Recibín a influencia de poetas como Lois Pereiro, Manuel Antonio, Rosalía de Castro, Lupe Gómez e mesmo Charles Bukowski. Tamén a literatura me axudou a sacar novos poemas, coma unha das miñas novelas favoritas Frankenstein.
A música é tamén unha importante fonte da que beben os meus versos, sendo o black metal depresivo ou atmosférico o que máis ideas e sentimentos me transmite.
Proceso creativo
A miña poesía é moi intimista, polo tanto, normalmente, intento desfacerme dos sentimentos, transmitir a miña forma de ver a realidade. Acostumo a poñer música e deixar que os versos vaian saindo.
Cando a inspiración me atopa en mal momento tomo notas de palabras clave que me fagan retroceder e visualizar o poema de novo.
Que aporta a escritura a miña vida
Paz, calma. Para min a escritura sana as feridas da vida e axuda a mudar a dor pola tranquilidade. Cando os sentimentos necesitan exteriorizarse así, dunha maneira tan fermosa, un queda baleiro de todo mal.
Eu para vivir necesito a poesía, para curarme dos meus males e seguir adiante.
Biografía
Soraya Castro (Moeche, Coruña, 1999). Logo de vivir baixo enfermermidades mentais coma a depresión e o trastorno de personalidade límite varios anos a autora ten un xiro de vida en 2019 cando nun intento de suicidio se precipita ao baleiro por unha fiestra dun terceiro piso.
Lonxe de conseguir o seu obxetivo, sufre unha lesión grave na médula tras romper o pescozo, o que a deixará máis dun mes na UCI e logo dunha longa estadía no hospital finalmente tetrapléxica de alta lesión. Unha nova vida cunhas dificuldades descoñecidas ás que enfrontarse.
Cinzas, primeiro poemario sacado á luz, está dividido nos poemas anteriores e os posteriores á discapacidade que será tamén a protagonista de moitos poemas que reclaman un coprotagonismo coa saúde mental. Unha lírica intimista e descarnada, dende unha ollada existencialista do ser humano e do mundo que o rodea. Negando toda creencia, moralidade ou valor como sociedade. Sentimentos crudos de dor, abandono e desesperanza sempre cun punto de vista melancólico e misántropo, que confronta un futuro mísero e desolador.
No hay comentarios:
Publicar un comentario