![]() |
Lucía Novas Garrido |
RATIÑA gris, mandil de cadros, invernadoiro, curiosidade, fentos, e as rafias, os bosques, as fragas, as orquídeas, as ideas devastadas, a vasoira antiga, as xesteiras, a desolación; e os caramelos de Alicia nos queixóns agochados, na vivenda doutrora, na nostalxia da tarde, nas pereiras bravas, na dozura do arroz; e a Bela Dormente agarda, entre os fusos, as transparencias, as mazás envelenadas, os espellos traidores, as madrastas sinistras, as Brancaneves pálidas, as urnas de cristal, os vermes nas pílulas, as cabazas douradas, as cirurxías, as invasións, o príncipe azul; e o pecado, as serpes, Eva espida e salvaxe, entre as sombras, dolorosa, penitente, salamántiga, like a virgin, de cristal; e a Carapuchiña Vermella, os lobatos dos tobos, os carreiros sinuosos; e proseguimos o camiño cos zapatos esmaltados, coa chamada de Oz, a caixa de Pandora, as esperanzas do ocaso, as mirras turbadoras, epifanías de años, azafráns de loucura, incensos tan sagrados, as arcas nos desertos; e Polegariños de millo, as chaves dos ogros, as huchas azulísimas, o domador do tigre, a docilidade das peles, a mansedume da ovella, os xeonllos na terra, a submisión na auga, ataduras de rafia; e que mala es, que mala es; apreixada e infeliz, cos nobelos de fío, as agullas de ouro, os tapices eternos, o punto canalé, e esmorece o banquete, apáganse as candeas, e os cervos e os gladíolos, xasmíns branquísimos, himes imperfectos, madeiras desecadas, as ervellas tan tenues; e o tedio da tarde de domingo, unllas tinxidas, saudade eterna, peites de prata, panos transparentes na tardiña; e as botas só para os gatos; porque que gata es, que gata es, denosiña salvaxe, doma, atrevemento, inxuria, Jezebel, vestido vermello, alfinetes e sangue, unllas que se cravan; e ensuciar o brillo, a ousadía, a periferia, as marxes; e adormecer nas caixas de galletas, nos biscoitos de nata, nas rosquillas de anís, nos rumores das horas, nos palpebrexares do tempo; e non agardarei por ti, non agardarei por ti, príncipe egoísta, entre os fiúnchos desnobelados, nas estrugas estrañas, na vivenda da tarde.
A escritora e locutora galega, Moncha Prieto, envíanos para celebrar o Día da Muller un fermoso e reivindicativo poema: 'Por elas'
![]() |
Moncha Prieto |
Por elas,
que só pedían xustiza
respecto, voz, igualdade.
Por elas,
porque somos herdeiras
das voces acaladas
en dor, en lume, en medo e rabia.
Por elas,
caraveis violetas,
enchoupados en sangue,
agromados en cinza
da terra asoballada.
Por elas,
agradecidas, xuntas,
irmás nesta batalla.
Por elas
o intrínseco desexo,
a solemne promesa:
nunca máis silenciadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario