miércoles, 25 de noviembre de 2026

Un texto de Moncha Prieto para o 25N

Moncha Prieto

Para conmemorar  a data do 25N a escritora e locutora galega Moncha Prieto envíanos o seu poema Espello escuro. 

Espello escuro

Cando chegaches,
vin nos teus ollos un facho de luz liberadora
e enterrei nela as feridas dun pasado aínda quente.
Ti ofrecíasme un lugar no centro do teu universo,
eu deixeime arrolar polas túas palabras calculadas.
Prometiches, para nós, un fogar no paraíso,

onde as miñas mans recollerían feixes de calma.
Crin albiscar en ti un porto seguro,
Ítaca buscada nas nebulosas equívocas.

Un día espertei, sen apenas darme conta,

nun inverno que entraba sen facer ruído.
Sentín que as promesas eran fume
e a calma diluíase nun furacán inesperado.
Esnaquizábanse os soños e espertaban os medos,
o facho de luz afogaba nun bandullo insaciable.
Bebías de min todo o bo que che ofrecía
ata deixarme baleira de vida.
Entregábame e sempre estaba en débeda,
mentres o espello só reflectía a túa propia sombra.

Aprendín a calar, na procura dunha calma inexistente,
eu sementaba paciencia, ti engulíala con furia desenfreada.
Fun invisible, para non retar á fera que te habita,
aniqueime, medrosa, nun recanto da moribunda esperanza.
Teimuda, aínda buscaba eu aquel porto seguro do pasado,
tentando salvar o paraíso do inevitable naufraxio.

Un día, unha físgoa de luz coouse pola escuridade
e comprendín que quedar era afogar na túa tormenta.
Fuxín coas mans baleiras cara un camiño inédito,
deixando atrás as ruínas dun universo corrompido.
Non levei nada do que fora noso,
só un latexo de vida, agochado no meu ventre:
a única semente limpa que agromou da túa escuridade,
o froito vivo polo que, ao fin, aprendín a salvarme.



Foi secretaria do Centro Galego de Barcelona, e colaborou con diversas asociacións e revistas literarias, como Alborada, Follas Secas ou Lúa Nova. Durante máis dunha década adicouse ao mundo da radio. Puxo en antena o programa Galicia máis cerca e traballou en varias emisoras, sendo presidenta de Ergac (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya). Impulsora do evento poético e musical Escaleira literaria en Sober (lugo). Participou no libro Voz e Voto en homenaxe a Celso Emilio Ferreriro, e coordinou a edición de Vivir en presente. En maio de 2021 publica Alma de Barro: Relatos da Ribeira Sacra. 
Na actualidade colabora con aportacións poéticas na Revista Inviable.

No hay comentarios:

Publicar un comentario